.
I
!Ouh mociña, regatos e montañas!
É agreste o meu canto e mañanceiro,
e son ledicias tantas e tamañas
que deixan labio de viño algareiro
neste val verde, inmenso en que te bañas.
!Quizais un pouco pole muiñeiro
en min as saibas, ríos e fontes deixan
e así amores ardentes xa me apreixan!
.
II
A ti che canto, moa muiñeira:
roda, pedra e mundo deste país.
Ouh musa eterna, fada cantareira:
¿son eu quizais ventureiro Amadís
fiel por sempre a unha Oriana garuleira,
muiñando verde soño en celamís?
(A vida é un soño – cria Segismundo-.
!Poesía é broa para este mundo!)
III
A ti che canto, hórreo, igrexa da eira:
sol, espigas, castañas e centeo
gardas na túa nave milagreira.
Nos teus aleiros fan o niño arreo
as pombas e unha rola altaneira.
Un galo espreita e algún rato feo.
!Alégrate toliño vagamundo!
Versos e pan farán un grande mundo.
francisco xosé candeira
