Arquivos diarios: 14/03/2017

TIPOS DO MEU PAÍS (III)

.

GALESIÁSTICOS:  Se dividen en tres subtipos: galegos de ver, galegos de dicir e galegos de oir misa.  Por non falaren en galego son uns pecadentos e desobedecen os mandatos básicos da súa propia relixión, pois se Deus criou os idiomas en Babel, foi precisamente para que  falasemos varias linguas, cada unha no seu sitio, e non unha soa, a que máis poida.  Confundámoslle -la lingua dixo Javé, porque esta xente en falando unha soa lingua “!mi madriña a que poden armar!” Palabras textuais.    

GALESTRAPOS:  Os que falan o galego com se tivesen a boca de trapo.  Poderiano falar ben, que parvos non son, pero non lhes dá a gana e desgracian o galego cada vez que abren a boca.  Moitos galestrapos son galíticos.

GALICIANOS:  Son coma galegos de provincias.  Aman o folclore, sobre todo os bailes rexionais, soen dicir con fonética moi peculiar: “a min te me gusta mucho el gallego, pero hablar non te lo hablo”.

GALICIDAS:  Criminoso tipo, moi estendido e contaxioso, que se escoña de risa cando a lingua galega sofre calquera contratempo. Sinónimo de Galecios.

GALÍFUGOS:  Os que foxen da Galiza polas causas máis diversas   Hoxe hai cada vez menos porque xa non quedan sitios a onde ir.  Algúns galífugos son tamén Gal(e)gos (con e mudo).

GALILÍOS: Galegos de boa intención, máis que non saben que coa soa intención non abonda. Galegos que andan confundidos.

GALITEIROS:  O ele intervocálico perdeu o seu son e tornouse mudo, de aí que a palabra se pronuncie gaiteiros, Son os que tocan a gaita.  Están en plena fase de expansión.  De continuar ao actual ritmo de crecemento, en pouco tempo haberá máis galiteiros ca gaitas.

GALÍTICOS:  Os que se presentan ás eleccións.  Ás veces saen e ás veces non saen escollidos.  O seu traballo é aparentemente imprescindible, pero as aparencias enganan.  A maioría son Galestrapos.

GALLAECIOS:  Galaicos menos evolucionados.

GALLEGOS:  O nome co que os de fóra designan aos de dentro. Son moi parecidos aos galicianos, dos que se distinguen a penas polo sutil ricto que se lles marca nos beizos cando sen querer se lles escapa unha palabra en lingua galega.

GALLEGUISTAS:  Galegos de bos modos que sen dúbida se equivocaron tamén de país, pero estes adrede.  Distinguense dos galeguistas porque falan en castelán nos momentos máis intimos e noutros moitos momentos tamén.

GAYEGOS:  Galegos da emigración transatlántica.  Abafados pola idiosincrasia dos paises nos que habitan e polas longas estadias en terras moi afastadas do seu berce de orixe, perderon en grande medida o acento e mailo cinto, pero seguen gostando do caldo e da muiñeira.

GHALEGHOS:  (Pronúnciase halehos, con hache aspirado, como no inglés house) Son galegos de toda a vida que pensan que os seus fillos  son doutro mundo e nunca se dirixen a eles no idioma autóctono, anque o outro no que se dirixen o coñezan mal.  É de prever que os filhos dos ghaleghos, han sofrer unha curiosa transformación que se adiviña co estudio da probable evolución fonética da palabra Ghaleghos – halegos – alegos – algos – algo.  É dicir, as crías dos ghaleghos terminarán por seren “algo”, ou sexa indefinido.

INMIGRANTES:  Hainos de varias cores.  Producen un exótico contraste co verdor bucólico e lenturento da Galiza !Pobres, non saben onde é que se meteron!

JALEJOS:  Son ghaleghos esaxerados.

JALLEJOS:  Galegos que tentan disimular que o son; Coitadiños!

PSAUDOGALEGOS:  Galegos que presentan a miúdo unha falsa saudade.

TURISTAS: Recoñécense quer pola furgoneta na que viaxan, quer pola cámara de vídeo coa que filman a catedral de Santiago, quer polo acento madrileño, quer pola pinta de alemáns que teñen.  Preguntan onde se pode comer ben, comen e logo, afortunadamente, vanse.

antón cortizas