Arquivo por etiquetas: Cerebro

Da activación neuronal á toma de consciencia

Desde unha perspectiva evolutiva, o cerebro estrutúrase en varios niveis, desde o máis primario ata o máis evolucionado. No nivel primario, a estrutura encargada de xestionar a información neuronal é o tronco encefálico, que recolle información da médula espinal e onde se sitúan o bulbo raquídeo, a ponte de Varolio e o mesencéfalo. Desde aquí contrólanse os procesos vitais básicos que garanten a supervivencia: a respiración, o pulso cardíaco, a presión arterial, etc.

Nun segundo nivel atopamos o diencéfalo e o sistema límbico, que inclúe o tálamo, o hipotálamo e a amígdala entre outros, e onde xoga un papel crucial a creación de emocións.

No terceiro nivel sitúase a codia cerebral, formada polas circunvolucións exteriores e dividida en catro lóbulos: frontal, parietal, occipital e temporal. Este nivel é o que asume, entre outras, as tarefas do razoamento abstracto e a planificación de accións.

O cerebro está formado por unhas células denominadas neuronas. As neuronas agrúpanse creando unha estrutura básica de rede neuronal, onde cobran relevancia os núcleos neuronais, ou nodos, onde se agrupan as neuronas, e as conexións ou cableados entre os diversos núcleos, que se distribúen de xeito particular entre as diversas rexións do cerebro. Cando nun núcleo concreto as neuronas se activan dun modo determinado, envían esa información a outros núcleos, que poden ampliar o efecto ou non. Esa “decisión” neuronal, se ten a intensidade necesaria, activa zonas do cerebro, situadas no sistema límbico, que dan lugar ás emocións. Cando a implicación se expande ata a codia cerebral emerxe a conciencia nalgún dos seus diversos graos, desde o si mesmo central ata o eu autobiográfico (Damasio, 2010)

Entón, a modo de resumo, cando se activa un núcleo de neuronas, motivada por estímulos sensoriais ou por rexistros da memoria, envía impulsos a outros núcleos ata provocar unha resposta fisiolóxica a nivel do organismo. Esa resposta é procesada a nivel do sistema límbico como unha emoción. A seguir, a codia cerebral, e en particular a codia prefrontal, intervén para dar significado a esa emoción, transformándoa en sentimentos, pensamentos ou razoamentos abstractos, e facéndoos emerxer ata os niveis de consciencia. En todo caso é preciso unha interacción continua entre as distintas partes do cerebro para conseguir ese resultado final, non existe un área específica para cada función.

Se facemos o experimento mental de conxelar no tempo este proceso e secuencialo fotograma a fotograma veríamos no primeiro fotograma a activación neuronal, seguiría unha resposta fisiolóxica do organismo, no terceiro momento a activación do sistema límbico e a creación da emoción, por último a entrada en escena da codia cerebral e a racionalización en sentimentos e pensamentos conscientes. Eses sentimentos e pensamentos constitúen a tradución final do código inicial procesado a nivel neuronal, e contrariamente ao percibido subxectivamente, non teñen poder de tomar decisións, só son testemuñas, están ao final dun proceso, non ao principio, é o modo no que a consciencia interpreta o procesamento neuronal e o vai seguindo de xeito ininterrumpido nunha relación de causa efecto. Subxectivamente a consciencia ten a ilusión de ter poder e tomar decisións, pero non fai máis que traducir o código do procesamento neuronal dos estímulos recibidos polas diversas canles sensoriais e pola activación dos rexistros de memoria.

Podemos imaxinalo cun exemplo. Camiñamos de noite por un bosque escuro. Os sentidos están alerta e reciben multitude de estímulos: poucas luces e moitas sombras, ondas sonoras de variadas frecuencias, sensacións térmicas de calor ou frío, etc. Nun momento determinado, un grupo de neuronas recibe a suficiente información para desencadear uns sinais electroquímicos que con efecto bóla de neve seguido por outras neuronas inducen unha reacción fisiolóxica no organismo: pelos de punta, aceleración do ritmo cardíaco, etc. Acto seguido entra en xogo un segundo nivel de procesamento coa activación do sistema límbico, traducindo o código inicial a unha emoción, que podería ser de medo. A bóla de neve segue ampliándose ata chegar a activar a codia cerebral que procesa a información nun nivel de sentimentos e pensamentos. En todo este proceso, cunha duración de décimas de segundo, o cerebro, globalmente entendido, xa tomou a decisión máis pertinente, que podería culminar en botar a correr coma un tolo na procura da supervivencia. A consciencia vai permitir máis tarde comunicar esta experiencia a outros semellantes dun xeito moi elaborado.

O problema cerebro-consciencia

Ningún científico discute a día de hoxe que o cerebro ten a súa orixe en estruturas moi simples que darían lugar ás primeiras neuronas, células especializadas na transmisión de información mediante impulsos electroquímicos, e que nun longo proceso evolutivo de arredor de 600 millóns de anos foron dando forma ao cerebro actual.

Outra cousa distinta parece ser a consciencia, a existencia dun Eu autobiográfico, dun “Si Mesmo”, aparentemente unha entidade inmaterial, non física, e que de xeito máxico e misterioso é capaz de dar ordes e someter ao cerebro. Como pode ser iso posible?

É o cerebro quen crea e dirixe a consciencia ou ao contrario, é a consciencia quen dirixe ao cerebro?

Imos suxerir dúas hipóteses e deixar que o lector escolla a que lle pareza máis lóxica.

1) A consciencia é unha entidade inmaterial, non constituída por materia nin enerxía, é dicir, non formada por átomos ou calquera partícula física elemental. A consciencia ten poder para tomar decisións e dar ordes ao cerebro. Parece algo evidente, pensar nunha acción concreta e acto seguido realizala. Como é posible? Como pode a “nada” actuar sobre a materia? A consciencia exprésase co pensamento, sendo algo equivalente a un Deus que dá ordes.

Esta hipótese trae como consecuencias prácticas, no acontecer diario, que a consciencia se perciba como dona do seu destino, posuidora de libre albedrío e de todo tipo de responsabilidade sobre os seus actos, incluída a responsabilidade moral, e en consecuencia tamén responsable dos sentimentos de culpa, ou dos sentimentos do éxito ou do fracaso vital.

2) As neuronas “toman decisións” activando ou inhibindo impulsos electroquímicos que regulan o funcionamento dun organismo. Eses impulsos resultan da codificación da información recibida tanto no momento presente por vía das canles sensoriais como da almacenada nos rexistros de memoria de situacións precedentes. Todo sucede conforme á lei de causalidade, constituíndo unha cadea de causas e efectos, cada decisión determina a seguinte.

En último termo, a consciencia non é máis que un proceso paralelo á codificación neuronal da información analizada, algo equivalente á proxección na pantalla do ordenador da execución do código subxacente. A consciencia é materia, pode percibirse como unha testemuña que observa a execución do código neuronal. En consecuencia non decide nada, só observa ou é testemuña (padece, sufre, alégrase…) das decisións tomadas polas neuronas. Pero se existe a consciencia é porque ofrece unha vantaxe evolutiva, que probablemente sexa facilitar a comunicación cos outros seres humanos na procura da necesaria cooperación que fixo posible o dominio exclusivo do homo sapiens e os avances máis notables da humanidade.

Este enfoque asume como consecuencias prácticas a existencia dun destino prefigurado, dun determinismo establecido pola relación causa-efecto, a non existencia do libre albedrío, e en consecuencia tampouco da responsabilidade moral sobre os propios actos.