Arquivo da categoría: Ciencia

O problema cerebro-consciencia

Ningún científico discute a día de hoxe que o cerebro ten a súa orixe en estruturas moi simples que darían lugar ás primeiras neuronas, células especializadas na transmisión de información mediante impulsos electroquímicos, e que nun longo proceso evolutivo de arredor de 600 millóns de anos foron dando forma ao cerebro actual.

Outra cousa distinta parece ser a consciencia, a existencia dun Eu autobiográfico, dun “Si Mesmo”, aparentemente unha entidade inmaterial, non física, e que de xeito máxico e misterioso é capaz de dar ordes e someter ao cerebro. Como pode ser iso posible?

É o cerebro quen crea e dirixe a consciencia ou ao contrario, é a consciencia quen dirixe ao cerebro?

Imos suxerir dúas hipóteses e deixar que o lector escolla a que lle pareza máis lóxica.

1) A consciencia é unha entidade inmaterial, non constituída por materia nin enerxía, é dicir, non formada por átomos ou calquera partícula física elemental. A consciencia ten poder para tomar decisións e dar ordes ao cerebro. Parece algo evidente, pensar nunha acción concreta e acto seguido realizala. Como é posible? Como pode a “nada” actuar sobre a materia? A consciencia exprésase co pensamento, sendo algo equivalente a un Deus que dá ordes.

Esta hipótese trae como consecuencias prácticas, no acontecer diario, que a consciencia se perciba como dona do seu destino, posuidora de libre albedrío e de todo tipo de responsabilidade sobre os seus actos, incluída a responsabilidade moral, e en consecuencia tamén responsable dos sentimentos de culpa, ou dos sentimentos do éxito ou do fracaso vital.

2) As neuronas “toman decisións” activando ou inhibindo impulsos electroquímicos que regulan o funcionamento dun organismo. Eses impulsos resultan da codificación da información recibida tanto no momento presente por vía das canles sensoriais como da almacenada nos rexistros de memoria de situacións precedentes. Todo sucede conforme á lei de causalidade, constituíndo unha cadea de causas e efectos, cada decisión determina a seguinte.

En último termo, a consciencia non é máis que un proceso paralelo á codificación neuronal da información analizada, algo equivalente á proxección na pantalla do ordenador da execución do código subxacente. A consciencia é materia, pode percibirse como unha testemuña que observa a execución do código neuronal. En consecuencia non decide nada, só observa ou é testemuña (padece, sufre, alégrase…) das decisións tomadas polas neuronas. Pero se existe a consciencia é porque ofrece unha vantaxe evolutiva, que probablemente sexa facilitar a comunicación cos outros seres humanos na procura da necesaria cooperación que fixo posible o dominio exclusivo do homo sapiens e os avances máis notables da humanidade.

Este enfoque asume como consecuencias prácticas a existencia dun destino prefigurado, dun determinismo establecido pola relación causa-efecto, a non existencia do libre albedrío, e en consecuencia tampouco da responsabilidade moral sobre os propios actos.