Agroma hoxe da semente unha nova árbore nun claro dos pomares de Guillade, ao abrigo doutras árbores máis vellas que crearon as condicións propicias para facelo posible (a fertilidade do chan, o microclima…). Unha árbore que herda do seu lugar a seiva cargada de nutrintes e a ansia para chegar á luz.
Esa árbore ímola coidar un grupo de persoas que comparten unha causa básica:
– Queremos o mellor mundo posible para nós e para os nosos fillos/as, un mundo onde dominen, como di o tópico filosófico, o ben, a beleza e a verdade. Ao ben cremos que se chega no respecto dos dereitos humanos, na xustiza social, na redistribución da riqueza, na economía sostible e na solidariedade entre os pobos. Entendemos a beleza como a construción cultural rexistrada nas artes, na literatura, na pintura, na música… A verdade é un camiño moi longo no que é preciso perseverar da man do coñecemento que a razón nos procura (a través da filosofía e da ciencia), e sempre cos ollos abertos e o espírito crítico.
En base a esta idea común, os nosos centros de interese, a modo da luz do sol que precisa a árbore para medrar, son:
1. A recuperación e coidado do patrimonio cultural e etnográfico a nivel local: reconstruír o modo de vida dos nosos antepasados, recuperar os contos e a tradición oral, rexistrar as toponimias, etc.
2. Coidado do medio ambiente natural, como valor estético e fonte de recursos naturais: o monte, a auga, o urbanismo, etc.
3. Promoción dunha conciencia social crítica co modelo dominante, onde teñen cabida ámbitos como a política, a economía, a educación, etc.
4. Afeccións, gustos, actividades vencelladas ao tempo de lecer e orientadas á proxección entre a xente nova, clasificadas en distintos ámbitos, tal como:
Ámbito natural: Astronomía, Apicultura, Cogumelos, Herbas medicinais, Horticultura, Fruticultura, Roteiros polo monte…
Ámbito cultural: Literatura (Club de lectura), Música (Guitarra), Fotografía, Internet, Papiroflexia, Xadrez…
O noso xeito de organizarnos é creando unha confederación que agrupe as asociacións culturais existentes, que son as seguintes:
. Eira comunal
. Terrestal
. A irmandade circular
. Vieiros da utopía
. Xerminal
. Grupo anarquista “O pozo negro”
. Tormentelo
. O escachanoces
. Leira comunal
. Leria cultural
As condicións para poder participar neste blog son: ser natural de Guillade e respectar os principios enunciados máis arriba a modo de liña editorial. Podes contactar con nós no e-mail: guilladenses@gmail.com