A Comunidade de Montes de Guillade convidada a debatir sobre a situación dos Montes en Mán Común no Marco de Vigo

Coincidindo coa presentación do libro, e obra colectiva, <<Montes, Vacas e Procomún>> coordinada por Francisco Quiroga, no Museo Marco de Vigo o pasado 1 de Marzo, o colectivo “Montenoso” convocou no mesmo día, hora e lugar, unha mesa de debate moderada por un dos seus membros, sobre a actual situación dos Montes en Mán Común en Galicia, na que a parte da Comunidade de Montes de Guillade tamén foron convidadas, as comunidades de Valadares e Cabral de Vigo, Argozón no concello de Paderne e de Irixoa, na provincia da Coruña.

Cabe sinalar que dito evento, conseguíu acadar a atención de varios medios de comunicación, como: Praza.com , Atlántico Diario  ou o programa divulgativo da TVE-2 “La aventura del saber”, que envióu unha equipa de gravación, para confeccionar un programa especial sobre os montes comunais que se emitirá despois de Semana Santa.

O convite non foi casual, xa que os membros do colectivo “Montenoso”, xa se tiñan achegado ata a nosa parroquia no verán do 2013, a realizar varias entrevistas e gravacións que deron lugar a un traballo de video-creación que tamén foi estreado e presentado no Museo Marco fai uns meses.

Ao mesmo tempo, debemos remontarnos a novembro do 2012, para atopar parte dos motivos que levaron a este grupo de profesionais de distintas disciplinas (arquitectura, belas artes, ciencias políticas…) interesarse pola nosa pequena Comunidade de Montes, xa que foi por aquelas datas cando os nosos veciños e compañeiros comuneiros de Mouriscados, déronnos a oportunidade de colaborar con eles nun interesante proxecto de posta en valor do patrimomio etnográfico e arqueolóxico que compartimos con eles, especialmente en todo o que ten que ver coas mámoas milenarias que se atopan entre os límites das nosas parroquias.

Mámoa3

Dito proxecto, xa iniciado, pero aínda sen rematar, baséase en boa medida na apertura dun roteiro de varios kms que permita a todo aquel que queira, aparte de dar un bo paseo, achegarse a coñecer os nomes, no que á toponímia se refire, de boa parte do noso territorio: as súas orixes, significados… a través da colocación de varios paneis informativos confeccionados e situados pola Comunidade de Montes de Mouriscados, para quen unicamente podemos ter palabras de agradecemento pola súa iniciativa e proposta de sumarnos a súa iniciativa.

Un par de meses despois daquela toma de contacto coa directiva de Mouriscados, desprazouse ata Guillade o historiador, arqueólogo e divulgador Alberte Reboreda, un dos impulsores desta proposta de colaboración, a quen tamén debemos agradecer e valorar o seu esforzo e adicación, tanto ou máis que aqueles outros veciños de Guillade que aquela fría e chuviosa tardiña de decembro colaboraron desinteresadamente con él durante horas coa cara pegada a pantalla do ordenador tratando de identificar a través de fotografía aérea os camiños, regatos, penedos, carballeiras, etc… que se sitúan entre a falda do Coto do Santo e a extrema con Campo Do Mouro.

De non ser por eles: Ismael de Carballede, Abel Ocampo e Manuel Martínez da Raño, non seríamos capaces de coñecer toda a riqueza toponímica que temos nesa parte da nosa parroquia, por non falar de todas esas pequenas historias e anécdotas tan importantes e cheas de información que acompañaban as súas palabras e comentarios. E como consecuencia de todo iso, aparte de que os máis novos non poderíamos ter axudado a Alberte Reboreda do xeito incalculable no que eles o fixeron; é posible tamén que se eles non se tiveran implicado, a xente de “Montenoso” nunca tivera reparado na existencia dunha pequena e modesta Comunidade de Montes dun lugar chamado Guillade, na que grazas á sorte de ter veciños como eles e de contar coa xenerosidade e traballo da directiva de Mouriscados, xa somos unha parroquia que conta á hora de falar de ideas e proxectos que axuden a valorar os nosos montes e cultura.

A todos eles: GRACIÑAS! Sen a vosa aportación non sería posible!

*As fotos son cortesía de Alejandro Fdez. Palicio e José Martinez.

Deixar un comentario