É unha novela que lin con gusto. O tema principal trata da relación entre o mercado da arte contemporánea (ou unha parte del) e a evolución da sociedade industrial europea ata o seu anticipado final. Polo tanto, arte e socioloxía van da man nesta obra.
O argumento reconstrúe a biografía dun famoso artista francés contemporáneo (Jed Martin) en catro etapas da súa traxectoria artística: na primeira, usa a fotografía para rexistrar obxectos inertes, destinados a formar parte de catálogos comerciais; na segunda, contiúa coa fotografía e son os mapas de carreteras de Michelin a súa nova fonte de inspiración artística; na terceira, xa como pintor, os seres humanos adquiren o protagonismo, retrata oficios ou profesións diversas, cos seus protagonistas captados en momentos culminantes que procuran transmitir a esencia do seu oficio ou profesión; na cuarta e última etapa, o artista utiliza os videogramas para simbolizar o trunfo da natureza, do mundo natural, agrario e rural, sobre a sociedade industrial. Entre medias cóanse a relación de Jed Martin co seu pai, un arquitecto xa retirado; e a relación afectiva de Jed con Olga, así como tamén outras relacións humanas con outros personaxes da novela.
Gustoume moito as descricións que o autor fai das obras pictóricas de Jed Martin, como se fose un crítico de arte consumado, que logran poñer diante dos ollos do lector os cadros que describe e que consegue transmitir a paixón que esas obras encerran. Tamén me gustou o atrevemento do autor ao construír o seu propio personaxe, o dun escritor baixo o seu propio nome real, que manterá unha relación profesional e afectiva con Jed Martin.
Gustoume menos o cambio brusco ao comezo do terceiro capítulo, como se comezase outra novela, de xénero policíaco, tralo descubrimento dun crime atroz. Sen embargo, superadas esas páxinas como unha paréntese, a novela retoma o seu sentido.