Arquivos diarios: 29/09/2011

Norwegian Wood de Haruki Murakami

(Esta canción impregna a atmósfera do libro)

Acabei de ler este libro e vou recomendar a súa lectura. Será que me gustou. Faise fácil de ler. Aínda así non me parece extraordinario en canto á súa calidade literaria, e diría que pasei lendo sen pena nin gloria bastantes das súas páxinas (son en total unhas 380 na edición de peto). Si que me atrapou definitivamente avanzando cara ao final. Fala de relacións humanas, de amores, de soidades, e no ambiente que consigue ir recreando o autor arredor destes temas radica a súa forza.

Está contextualizado no Xapón do ano 1969-1970, e os seus protagonistas principais (Watanabe, Naoko, Midori, Nagasawa…) son mozos/as que rondan os 20 anos de idade. Nunha época de apertura e cambio social planea sobre eles o fin da adolescencia e o paso a un mundo adulto de horizontes indefinidos e ameazantes. A música, a comida, o sexo, configuran o telón de fondo sobre o que se debuxa a vida interior dos personaxes.

Murakami trata un tema que despois elaborará moito máis na súa obra 1Q84: o de como os primeiros e intensos anhelos dun amor adolescente ou preadoslecente que non puido ser realizado quedan esculpidos na memoria dos personaxes e vanos perseguindo ao longo da vida, reclamando a súa consumación e converténdose no vórtice que os arrastra a unha existencia  turbulenta da que non poden escapar.