Cen anos de soidade

Rematei de ler recentemente este clásico da literatura hispana, escrito por Gabriel García Márquez. Gustoume e valóroo moito. Recoméndollo a calquera lector/a de 16 anos para adiante como unha das súas lecturas imprescindibles. Nesta obra nárrase a historia de Macondo e da familia Buendía ao longo de 100 anos e das 6 xeracións que se suceden nese período, desde que José Arcadio Buendía funda Macondo logo dunha longa travesía pola selva con afán explorador. Sucédense nese período un sinfín de acontecementos que levan a Macondo ata os seus momentos de máximo esplendor e dende alí ata a súa extinción. A obra pode interpretarse (entre outras mil maneiras) como unha alegoría da historia da construción de Sudamérica, da man duns personaxes que representan a alma sudamericana, uns personaxes cargados dun impulso vital desbordante, ao tempo que de contradicións insuperables, e que se enfrontan cunha realidade máxica, cargada de misterio, de emoción, de sexualidade, pero tamén dura, cruel e aniquiladora.

Deixar un comentario