Arquivos diarios: 26/07/2011

Media maratón Messier (I)

Os días 24 e 25 de xullo, de 23:30 a 3:00 horas, Xose e Antonio celebramos a primeira media maratón Messier en Guillade. Atopamos 30 obxectos celestes dos 110 do catálogo Messier. Foi unha sesión moi produtiva, a pesares de que molesta bastante a luminosidade do alumbrado público. Aínda así as condicións de visibilidade foron aceptables, ao menos para localizar os obxectos, a temperatura foi agradable e a noite bastante limpa.

Instrumentos que utilizamos: Telescopio GSO 8″, dobson. Ocular hyperion zoom 8-24 mm. Prismáticos de 10 aumentos, lanterna con luz vermella, caderno e bolígrafo. Mapas celestes (Skymaps), Libro “Astronomía. Guía para el aficionado”, de Antonín Rükl, Ed. Susaeta; aplicación de software “Stellarium“.

Obxectos observados: en total 31 obxectos celestes do catálogo Messier e o planeta Saturno.

Saturno atópase en Virgo e sobre as 12 da noite xa desaparece do campo de visión. As condicións de visibilidade son pobres porque está baixo no horizonte.

Catálogo Messier:

En Osa Maior: M 51 Galaxia espiral (Moi difusa, difícil de percibir), M40, estrela dobre.

En Cans de caza: M3 Cúmulo globular

En Serpe: M5 Cúmulo globular

En Hércules: M13 e M92, cúmulos globulares

En Ofiuco: M10 e M12, cúmulos globulares

En Escorpión: M4, cúmulo globular, M6 e M7, cúmulos abertos.

En Escudo: M11, cúmulo aberto

En Saxitario: M22, M28, M55, M54, M70, M69, cúmulos globulares; M25, M23, M21, M18 cúmulos abertos; M17 nebulosa Omega, M16 nebulosa Águia, M20 nebulosa trífida; M8 Nebulosa Laguna. (O itinerario de busca en Saxitario foi o seguinte: comezar por M22, cerca está M28. Desde M22 subir a M25, seguir subindo a M18, M17 e M16. Regresamos a M25 e á súa dereita atopamos M23, baixamos ata encontrar a M21, M20 e M8. Xa abaixo da teteira están M54, M70 e M69; á esquerda de M54 está M55).

(Ver os obxectos de Saxitario pinchando no mapa da web do Catálogo Messier)

En Lira: M57, nebulosa planetaria

En Raposa: M27, nebulosa planetaria

En Cisne: M39, cúmulo aberto

En Pegaso: M15 cúmulo globular

En Acuario: M2, cúmulo globular.

Seguiremos outro día e intentaremos chegar aos 50 obxectos celestes!

Actualización 26 de xullo  Hoxe vimos 7 obxectos máis:

En Escorpión: M80, M62 Cúmulos globulares

En Ofiúco: M19, M9, M14 Cúmulos globulares

En Cans de Caza: M94, Galaxia espiral

En Escudo: M26 Cúmulo aberto

Actualización 31 de xullo Vimos 3 obxectos máis:

En Coma Berenice: M53 (cúmulo globular) e M64 (galaxia)

En Osa Maior: M101 Galaxia

Tamén vimos o planeta Neptuno, de magnitude 7,8, en Acuario.

Astronomía para todos/as

Diría que foi nas noites escuras e estreladas da infancia cando naceu a miña afección pola astronomía. Pero callou un día, cando andaba xa nos 20 anos, arredor dun libro perdido que quixo facerme compaña na convalecencia dunha enfermidade, e que tiña escondido nunha das súas páxinas un pequeno mapa con 3 ou 4 constelacións da zona circumpolar. Foi tal a emoción dese descubrimento que me sentín como o pirata da pata de pau que nunha illa deserta atopa nun cofre oculto o mapa dun gran tesouro e que a partir dese momento só soña con el. Pasou o tempo e foron miles os tesouros que se foron desvelando, e que pasaron a encher o cofre luminoso que hoxe gardo na miña querida memoria.

Este verán no clube gastro-astronómico de Guillade mercamos un telescopio para dar un novo saltiño nesta aventura cósmica. É un Telescopio Dobson GSO 203mm/1200mm (f6) DELUXE. E a primeira impresión foi espectacular. A lúa vista como nunca antes, nítida e luminosa cos seus cráteres e mares. Xúpiter cunha banda de cor e os seus 4 satélites, e moi cerca del o puntiño azul de Urano. Despois unha longa lista de cúmulos abertos e globulares, de nebulosas difusas e planetarias, estrelas dobres,… Vai agora un recordo para os cúmulos globulares M13 en Hércules, M2 en Acuario, M15 en Pegaso… os cúmulos abertos en Perseo, o M11 en Escudo… as nebulosas M8, M17 e M20 en Saxitario… as nebulosas planetarias M57 en Lira e M27 en Raposa… as estrelas dobres Albireo, Mizar, Almarak…

Algúns enlaces interesantes para introducirse ao apaixoante mundo da astronomía poden ser os seguintes:

Simulador de telescopios: Podemos ver a lúa a través dun telescopio no que podemos ir modificando o número de aumentos para vela máis grande.

Mapa da Lúa: Un bo mapa para comezar, coa localización dos accidentes xeográficos máis destacados (mares, cráteres, montañas, etc.)

Potencias de 10: Temos aquí unha presentación que nos permite visualizar como decrecen os tamaños do mundo físico, nunha viaxe que nos leva dende os confíns do universo, pasando polo tamaño humano, ata o interior dos átomos.

Mapas e efemérides celestes actualizadas: da web http://perso.wanadoo.es/jripero/efemerides.htm Describe pormenorizadamente os obxectos celestes que se poden observar mes a mes.

Mapas celestes actualizados: Na web de Skymaps podemos descargar mapas mensuais cunha descrición breve dos obxectos estelares máis interesantes para observar nese momento.

Catálogo Messier (na Wikipedia): Para profundizar na observación de obxectos celestes (nebulosas, cúmulos, galaxias…) é moi coñecido o Catálogo Messier, que conta con 110 obxectos celestes rexistrados.

Sinxela introdución ao mundo dos telescopios : En http://www.telescopio.3a2.com/ podemos informarnos dos diferentes tipos de telescopios, como funcionan, etc.

Foro de astronomía: En Asociación Hubble temos un foro moi visitado e onde podes atopar respostas a moitas das túas preguntas

Foro de astronomía da Asociación Rias Baixas, de Vigo: fan xuntanzas para observar o ceo pola zona de Vigo e tamén no alto de Fonte Fría, na Cañiza.

Fotos de astronomía: Da web observatorio.info

Máis imaxes nesta páxina: web elfirmamento.com

Stellarium: É unha boa aplicación para o ordenador onde podemos visualizar o ceo nocturno do día e hora que queiramos. Tamén con Google Sky podemos buscar calquera obxecto celeste e ver en que lugar do ceo se atopa.

Observatorios astronómicos na provincia de Pontevedra: Contamos ao menos con 2 observatorios astronómicos de construción recente, un en Cotobade e o outro en Forcarei.

Temos máis enlaces nesta páxina de Netvibes.